• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza unha excursión a Baiona, A Guarda e Santa Tegra dirixida a persoas maiores, xubiladas e pensionistas

07/09/2019

O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida ás persoas maiores, xubiladas ou pensionistas do municipio. Neste caso o destino serán as localidades pontevedresas de Baiona, A Guarda e Santa Tegra. Trátase dunha proposta lúdica, recreativa e cultural que se marca como obxectivo esencial optimizar o tempo de lecer deste colectivo e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.

A excursión terá lugar durante o día 18 de setembro, estando a saída dos autobuses prevista para as oito da mañá desde a A Laracha. O primeiro punto de destino será Baiona, onde os participantes realizarán unha visita guiada á Casa da Navegación e a carabela A Pinta, ademais de dispoñer de tempo libre para coñecer a vila. Despois do xantar, desprazaranse ao monte de Santa Tegra. A xornada finalizará cun percorrido polo casco antigo, o porto e o paseo marítimo de A Guarda antes de emprender a viaxe de volta.

O prazo de inscrición abrirase este martes. A cota que deberán aboar os participantes é de 18 euros, que inclúen o transporte, o xantar e todas as actividades que se desenvolverán ao longo da xornada. As persoas interesadas en asistir deben anotarse no departamento de servizos sociais do Concello da Laracha (edificio administrativo). As prazas son limitadas e, no caso de que o número de persoas interesadas en participar supere á oferta, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día  13 de setembro ás 11:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.