Concello
Remata o obradoiro de emprego grazas ao que 20 persoas recibiron formación práctica e teórica para a súa posterior inserción laboral
30/08/2019
Despois de nove meses de actividade, o obradoiro A Laracha-Arteixo, colaborando polo emprego V chegou hoxe ao seu fin. O acto de clausura foi copresidido polos alcaldes de ambos municipios, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Covadonga Toca.
Desde decembro do ano pasado un total de vinte alumnos-traballadores recibiron formación teórica e práctica en dúas especialidades –dez en cada unha delas-: pintura industrial en construción e traballos de carpintería e moble. A fase teórica desenvolveuse integramente no termo municipal da Laracha. A práctica consistiu no desenvolvemento de intervencións en infraestruturas de titularidade pública. Así, no Concello da Laracha acometeron o pintado das instalacións dos campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco, o polideportivo de Caión, os centros socioculturais de Lendo e A Insua (Caión) e o edificio de servizos múltiples. No Concello de Arteixo os traballos centráronse integramente no acondicionamento do espazo recreativo de sensibilización ambiental do entorno do Muíño da Cachada.
José Manuel López Varela mostrouse “satisfeito e orgulloso” porque “cumprimos os obxectivos do obradoiro de emprego”. Por iso felicitou aos alumnos-traballadores polo seu labor e expresoulles “o agradecemento en nome dos veciños polas excelentes intervencións realizadas en espazos públicos municipais, que son do pleno agrado da cidadanía”. Por último, referiuse “á nova etapa” que se abre para eles, na que agarda teñan “máis posibilidades de inserción no mercado laboral grazas á formación recibida”. Nese sentido lembrou que “o Concello está á vosa disposición para axudarvos a lograr ese obxectivo”.
Carlos Calvelo salientou que “este foi un dos mellores obradoiros entre os realizados nos últimos anos”, mostrouse “contento co resultado obtido” e valorou as “positivas experiencias conxuntas” na organización de iniciativas deste tipo xunto ao Concello da Laracha.
Por último, Covadonga Toca agradeceu á dirección, ao profesorado e tamén aos alumnos do obradoiro o seu labor, xa que considera que “son as persoas as que marcan a diferenza”, e por iso a Xunta de Galicia, ao financiar este tipo de proxectos, está “investindo os cartos públicos nas persoas”. Ademais, puxo en valor os programas duais de formación e emprego ao consideralos unha boa oportunidade “para ter persoas máis preparadas e con maiores capacidades”.
Unha vez rematado o período formativo, e tal e como estaba contemplado no programa, haberá incentivos económicos para as empresas que contraten aos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego coa finalidade de favorecer a integración dos participantes no mercado laboral xa no sector privado.