Concello
O Concello aplaude o inicio de obras de construción de novas naves industriais no parque empresarial
27/08/2019
O parque empresarial da Laracha está consolidado como un dos polígonos con maior potencial de desenvolvemento da provincia da Coruña. Actualmente máis do setenta por cento da superficie de uso industrial está vendida e están implantadas ou en proceso de facelo empresas de referencia en diferentes sectores empresariais.
Nos últimos días o sector que comprende os bloques A2 e A3.1 do ámbito industrial comezou a acoller unha importante actividade co inicio das obras de construción da planta da sociedade Unifersa, empresa galega de venta ao por maior de ferraxaría profesional.
A presenza de maquinaria pesada sobre as parcelas adquiridas por dita sociedade, que suman en total 41.689,50 metros cadrados de superficie, e o avance dos traballos da fase de movemento de terras, permiten percibir o volume da actuación que se está a levar a cabo e que consistirá na construción dunha das naves máis amplas entre as existentes no parque empresarial.
Así mesmo, o Concello prevé de xeito inminente, unha vez concedidas as correspondentes licencias municipais, o inicio doutra serie de actuacións de iniciativa e investimento privados no ámbito do polígono, tamén dirixidas á creación de novas naves ou ampliacións das existentes.
O Concello da Laracha valora estas novas porque o parque empresarial será o principal motor económico do municipio debido á xeración de emprego que implica tanto polo persoal necesario para a construción das naves como polos postos de traballo estable que oferten as empresas alí implantadas. A infraestrutura está preparada para albergar calquera tipo de actividade industrial. Caracterízase polo seu terreo chan, por ubicarse nunha situación xeográfica estratéxica (no eixo Arteixo-A Laracha-Carballo, preto da cidade da Coruña e do porto exterior de Punta Langosteira), por contar con excelentes comunicacións (entrada e saída directa desde a zona industrial á autoestrada AG-55) e pola completa cobertura en servizos (incluíndo rede de gas e telecomunicacións) que ofrece aos inversores.
Neste labor de atraer investimentos privados que reactiven a economía, o comercio e o desenvolvemento urbanístico municipal, o Concello da Laracha tamén oferta vantaxes fiscais con bonificacións de ata o 95% nos impostos municipais (ICIO, IBI e IAE) dependendo do volume de emprego estable que xere a súa actividade.
As parcelas que aínda están en venda poden consultarse na web de Suelo Empresarial del Atlántico (www.seasuelo.com), a sociedade pública promotora do polígono industrial da Laracha.