• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello programa “Un setembro diferente e entre iguais” nas bibliotecas municipais

24/08/2019

O Concello da Laracha desenvolve ao longo de todo o ano unha ampla programación municipal cultural dirixida a todos os públicos pero incidindo especialmente na infancia e na mocidade, ofrecéndolles aos máis cativos actividades de ocio que ao mesmo tempo son educativas e, ademais, favorecen a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais.

Así, no próximo mes porase en marcha por primeira vez Un setembro diferente, un setembro entre iguais en colaboración co programa de dinamización da lectura Ler conta moito -que a Xunta de Galicia impulsa no marco da Rede de Bibliotecas de Galicia- e co cofinanciamento do Pacto de Estado contra la violencia de género.

Un setembro diferente, un setembro entre iguais desenvolverase nas tres bibliotecas públicas do municipio (A Laracha, Paiosaco e Caión), que acollerán entre os días 3 e 20 do próximo mes un total de nove eventos (contacontos, títeres, espectáculos de maxia, etc.) con perspectiva de xénero dirixidos ao público infantil.

Os obxectivos esenciais do programa, que son complementarios entre si, céntranse na promoción da lectura entre os máis cativos, a educación en valores e a sensibilización sobre a importancia da igualdade entre homes e mulleres a nivel social e persoal.

A relación de eventos, lugares de realización e horarios é a seguinte:

 

Biblioteca municipal da Laracha

  • Mércores 4 (11:30 h): Non máis princesas, con Pedro Brandariz. Dirixido a maiores de 3 anos.
  • Xoves 12 (18:00 h): A música da auga, co Bardo Abelardo. Dirixido a maiores de 5 anos.
  • Venres 20 (18:00 h): A aventura de Daniela Pirata, de Donde viven los cuentos. Dirixido a bebés.

Biblioteca municipal de Paiosaco

  • Venres 6 (11:30 h): Diagnosticando a igualdade, con Caxoto. Dirixido a maiores de 4 anos.
  • Martes 10 (18:00 h): Maxia de catro a catro, co Mago Bugarín. Dirixido a maiores de 5 anos.
  • Martes 17 (18:00 h): A reconquista, contacontos teatralizado de Antía Yáñez. Dirixido a maiores de 3 anos.

Biblioteca municipal de Caión

  • Martes 3 (11:30 h): Iguais diferentes, de Expresión Producións. Dirixido a maiores de 4 anos.
  • Venres 13 (18:00 h): Unha maxia diferente, co Mago Paco. Dirixido a maiores de 3 anos.
  • Mércores 18 (18:00 h): Contando números, contando cores, con Pablo Díaz. Dirixido a maiores de 4 anos.

En todos os eventos, a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

Descarga o cartel