Concello
Paiosaco acollerá o domingo a 4ª edición da Feira de Horticultura
14/08/2019
O próximo domingo 18 de agosto Paiosaco acollerá a cuarta edición da Feira de Horticultura, organizada polo Concello -en colaboración coas asociacións A Terriña e Horta do Noroeste- co propósito esencial de poñer en valor tanto os produtos de horta da nosa zona como o labor dos profesionais nos diferentes tipos de cultivos existentes.
O evento foi presentado hoxe no Concello nun acto presidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e no que estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, e representantes das dúas asociacións que colaboran na organización.
A Feira de Horticultura reunirá en Paiosaco –aproveitando a celebración da feira tradicional correspondente ao terceiro domingo de agosto- a unha quincena de profesionais do sector que farán exposición e venda dos seus produtos a partir das 9:30 horas.
A xornada amenizarase cun showcooking –de 12:00 a 14:00 horas- a cargo da cociñeira Beatriz Sotelo, que nas súas elaboracións empregará produtos de horta de proximidade. Ademais, realizaranse sorteos de regalos entre os asistentes.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, mostrouse satisfeito por alcanzar a cuarta edición dun evento que se consolida como referencia na programación municipal durante o verán. O rexedor animou á xente “a acudir á feira” para coñecer todas as variedades que se producen no noso entorno e disfrutar coas actividades que se desenvolverán durante a mañá. Tamén avanzou que os postos serán situados dun xeito máis atractivo que en anteriores edicións para facer a feira máis vistosa para os visitantes e máis cómoda para os expositores.
Cristina Vázquez Souto, representante da asociación Horta do Noroeste, valora a Feira de Horticultura por considerar que “anima á xente a fixarse no produto local” e insistiu na importancia de “comprobar as etiquetas e a procedencia para identificar os produtos de quilómetro 0”. Ademais, adiantou que no seu posto dará a coñecer os seus novos produtos, como “tomates cherry, moitas variedades de leituga, patacas e pementos”.
Por último, José Manuel Collazo, en nome da Asociación A Terriña, agradeceu a iniciativa ao Concello xa que “nos permite darnos a coñecer e que os consumidores saiban o que facemos e valoren o noso traballo e produtos”.
Relación de postos na Feira de Horticultura
- Concello da Laracha.
- Asociación Horta do Noroeste.
- Asociación A Terriña.
- Showcooking de Beatriz Sotelo.
- Eco Horta Millarada.
- Verxel Galego.
- Verduras Chelín.
- Horta Bértoa.
- Entreverdes.
- Hortalizas Añón Pardiñas.
- Horta da Lousa.
- Ramisquido & C. Pedreira.
- Granxa O Rosal.
- A Castrexa.
- Mmmm! Xeados.