• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

Café Bar Aqua, Nuevo Marchica e O Noso Café, premiados na 6ª edición do concurso A Laracha de Tapas

12/08/2019

A sexta edición do concurso A Laracha de tapas celebrada do venres ao domingo baixo a organización do Concello volveu ser un rotundo éxito de participación. Durante as tres xornadas doce locais ofreceron por 1,50 euros elaboracións orixinais e de calidade que foron altamente valoradas polo público consumidor. En total foron despachadas unhas 12.000 tapas ao longo da fin de semana.

A criterio do xurado profesional a mellor tapa e, polo tanto, o primeiro premio (300 euros) foi para a “Faceira glasada ao romeu” do Café Bar Nuevo Marchica, situado na Avenida Fisterra. O segundo premio, dotado con 250 euros, foi para o “Roliño de verán” de O Noso Café (rúa Rosalía de Castro).

Os membros do xurado profesional foron os bloggers gastronómicos  José Antonio Domínguez (www.rutasyrestaurantes.com), Antonio Doce (www.eloctopuslarpeiro.com) e Rubén López Urdí (www.caminantedelplaneta.com).

O xurado popular formárono todos os clientes que depositaran os seus votos nas urnas habilitadas para tal fin nos locais participantes. En total foron rexistrados 1.165 votos válidos (debían estar selados por tres locais diferentes), dos cales 231 foron para a creación do Café Bar Aqua “Tosta Terra e Mar”, a mellor valorada polo público e que, por tanto, leva un premio de 200 euros.

Todas as persoas que emitiron o seu voto participan no sorteo dos 69 regalos doados polos establecementos participantes e as empresas colaboradoras. A relación de gañadores farase pública ao longo da xornada de mañá martes na páxina de Facebook do Concello da Laracha e os regalos serán entregados no acto que se desenvolverá na Casa da Cultura o martes 20 de agosto a partir das 20:30 horas.

O Concello da Laracha amosa unha vez máis a súa satisfacción por alcanzar a sexta edición de A Laracha de tapas e consolidar este concurso como unha excelente oportunidade para dar un impulso ao sector comercial local e crear un escaparate para que os locais de hostalería da capital municipal poidan darse a coñecer e mostrar ao público a calidade tanto das súas creacións como do servizo que ofertan durante todo o ano.