• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Iniciada a fase de construción dos muros exteriores do centro comunitario de Caión

03/08/2019

A construción do centro comunitario de Caión estase a executar a pleno rendemento durante este verán, aproveitando as condicións climatolóxicas favorables para o desenvolvemento dunha actuación desta envergadura e características.

Neste momentos avánzase na construción dos muros exteriores do edificio, unha fase que se iniciou unha vez completada a cimentación, traballo que foi especialmente laborioso debido á dureza do terreo sobre o que se asentará a edificación. Tamén están xa concluídos os muros do sótano, polo que xa pode visualizarse sobre o terreo o espazo que ocupará o centro comunitario.

É preciso lembrar que o proxecto está valorado en 1,2 millóns de euros, investimento que posibilitará a creación dun edificio singular de 882 metros cadrados de superficie divididos en dúas plantas. O centro comunitario de Caión será un edificio de vocación integradora dado que, ademais de dispor de aulas polivalentes e salas temáticas, albergará a Confraría de Pescadores e a oficina de información turística.

O proxecto é cofinanciado polo Concello da Laracha, a Consellería de Política Social e a Consellería do Mar por medio do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Costa da Morte a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca da Unión Europea.

A existencia do centro comunitario na zona da Insua permitirá programar iniciativas de interese xeral en Caión nunhas instalacións modernas, amplas e cómodas, espazos públicos que non existen na actualidade na vila costeira.