Concello
O Concello anima a descubrir os sendeiros da Rede Natura 2000 de Caión
01/08/2019
O Concello da Laracha conta cunha destacada riqueza natural, ambiental e paisaxística que en moitos casos mesmo é descoñecida polos veciños. O goberno local está esforzándose para poñela en valor precisamente co obxectivo de que tanto os laracheses como as persoas que visitan o noso termo municipal poidan descubrir e disfrutar destas paraxes.
As cuadrillas medioambientais que están ao servizo do Concello da Laracha realizan o completo acondicionamento das dúas sendas peonís creadas e sinalizadas nos coñecidos como camiños de Anobos e de Augacae, ambos protexidos pola Rede Natura 2000 e situados no litoral de Caión, entre a zona coñecida como Fontefría e o límite co termo municipal de Arteixo.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro responsable da área de medioambiente, José Ramón Martínez Barbeito, percorreron hoxe ambos sendeiros, desde os que se pode divisar unha fermosa panorámica do inicio da Costa da Morte (costa leste de Caión, Baldaio Malpica e illas Sisargas) e do litoral de Arteixo, incluíndo o porto exterior de Punta Langosteira.
A actuación realizada polas cuadrillas medioambientais afecta a uns cinco quilómetros lineais nos que se están a acometer os labores de limpeza e desbroce para facilitar o tránsito a pé por estes camiños. Ao longo do percorrido os sendeiristas, ademais de gozar das paisaxes e da biodiversidade deste entorno, atoparanse con paneis informativos nos que se lles ofrecen datos sobre as diferentes especies animais (centrándose especialmente nas aves) existentes na zona, así como mapas de situación para poder coñecer en cada momento a súa ubicación.
Outro dos principais atractivos son os restos do muíño de auga existente ao final do sendeiro de Augacae e que se sitúa moi próximo ás rochas do fermoso cantil que se forma na enseada de Lourido.
O Concello da Laracha realiza esta actuación co obxectivo de poñer en valor estes ámbitos e animar a veciños e visitantes a descubrilos.