Concello
Concello, INE e Deputación da Coruña desenvolven o procedemento para nomear 36 rúas e 6 prazas públicas
19/07/2019
O Concello, o Instituto Nacional de Estadística (INE) e a Deputación Provincial da Coruña teñen en tramitación o procedemento que suporá o cambio de nome para trinta e seis rúas e seis prazas públicas da Laracha, Paiosaco e Caión.
Cabe lembrar que o sistema elixido para decidir os novos nomes foi pioneiro en Galicia. No pasado mes de novembro realizouse unha consulta popular na que participaron máis de douscentos veciños do termo municipal. O tipo de cuestionario e as opcións a escoller nel foran consensuadas previamente por todos os grupos políticos da Corporación municipal nunha xunta de portavoces. En base aos datos da consulta popular, elevouse a proposta ao Pleno, que aprobou por unanimidade o cambio de nomes na sesión ordinaria celebrada o 29 de novembro do ano pasado.
Seguindo co procedemento requirido para unha tramitación destas características, deuse traslado do acordo plenario tanto ao Instituto Nacional de Estadística (INE) como á Deputación Provincial da Coruña para proceder á actualización dos novos nomes das rúas no censo.
Debido á convocatoria de dous procedementos electorais no primeiro semestre do ano (ao Congreso e Senado en abril e elección municipais e europeas en maio), o persoal técnico do INE e Deputación da Coruña trasladaron ao Concello da Laracha a conveniencia de aprazar o cambio efectivo dos nomes das rúas para evitar posibles incidencias nos censos que puidesen afectar ás mesas electorais dos veciños empadroados nas rúas e prazas afectadas.
Unha vez a tramitación estea completada e aprobadas as modificacións polo INE e a Deputación da Coruña, o Concello da Laracha comunicará a Correos, Catastro e aos veciños residentes nesas rúas o correspondente cambio de nome como último paso para facelo efectivo.
O Concello da Laracha editou material impreso e dixital cos novos rueiros dos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) que se porá a disposición da cidadanía unha vez as modificacións sexan oficiais.