• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A LARACHA MANTÉN UNHA RATIO DE INFRACCIÓNS DELITIVAS INFERIOR Á MEDIA PROVINCIAL E AUTONÓMICA

15/12/2015

A Xunta Local de Seguridade reuniuse o 11 de decembro no salón de Plenos da Casa Consistorial nunha xuntanza que estivo copresidida polo alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o Subdelegado do Goberno na provincia da Coruña, Jorge Atán. Tamén contou coa presenza, como voceiros, da secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, Eva Vázquez Castelo, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; o comandante de posto da Garda Civil da Laracha, Higinio Pena; o inspector xefe da Policía autonómica na Coruña, Antonio Nieto; o axente da Policía Local Miguel Pérez; o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito; e Eladio Verdía en representación do grupo municipal do PSOE.   

No primeiro punto da orde do día abordouse a situación actual da seguridade cidadá no termo municipal da Laracha. Aínda que é certo que nas últimas semanas se rexistrou un repunte no número de infraccións delitivas –motivo polo cal foi o alcalde e o Subdelegado do Goberno acordaron convocar a reunión-, os datos oficiais expostos indican que A Laracha segue sendo un Concello seguro ao presentar unha ratio de 18 por cada mil habitantes e ano, notablemente por debaixo da media provincial e galega. Salientar, ademais, que o aumento refírese ao número de infraccións, pero non á súa gravidade.   

Non obstante, e en resposta aos acontecementos dos últimos días, na Xunta Local de Seguridade tomáronse acordos dirixidos precisamente a tratar de previr esas situacións. Por unha parte púxose en marcha un dispositivo especial para intensificar as investigacións. Neste sentido é clave a colaboración da cidadanía, polo que se solicita que toda persoa que detecte un vehículo nunha actitude sospeitosa se poña en contacto coa Garda Civil (062) para indicarlle a súa posición e número de matrícula.   

Ademais, creouse unha Comisión de Coordinación Policial que estará formada por membros da Garda Civil e da Policía Local da Laracha. Reunirase trimestralmente para abordar cuestións operativas relacionadas coa seguridade cidadá.   

Violencia de xénero   

No apartado referido á situación da violencia de xénero no municipio, convidouse a participar na Xunta Local de Seguridade a Ana Aldao, psicóloga e directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, que fixo un balance das actuacións que se desenvolven cos obxectivos de prestar atención integral ás vítimas desta lacra social e promocionar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Ana Aldao tamén fixo referencia á excelente coordinación profesional que existe entre o Concello da Laracha, a Policía Municipal, os centros médicos, os colexios e o Instituto para detectar e previr casos de violencia de xénero, cuestión que se reflicte nas periódicas reunións das Mesas sectoriais de coordinación en materia de violencia de xénero.

Compartir: