• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno outorga 121.500 euros en subvencións municipais a entidades e deportistas individuais

18/07/2019

Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais de maior éxito –a niveis provincial, autonómico, estatal e internacional- nas diferentes disciplinas.

Son corenta e tres entidades (a totalidade das que concorreron ao procedemento) e dous deportistas individuais os beneficiarios desta liña de axudas dotada polo Concello da Laracha con 121.500 euros, unha partida que foi blindada nos orzamentos do exercicio en curso. Cabe lembrar que as axudas municipais ás Comisións de Festas non se inclúen neste programa, senón que se abonan como subvencións nominativas.

O acordo foi tomado pola Xunta de Goberno Local a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada asociación, número de eventos organizados, volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas. 

Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello da Laracha con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo no deseño e o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.

O Concello da Laracha realiza unha destacada aposta económica anual con fondos propios municipais, mostrando o seu pleno interese polo asociacionismo e o desenvolvemento de actividades culturais, educativas e deportivas de interese xeral. O labor que as entidades levan a cabo co apoio municipal son fundamentais para resaltar os nosos aspectos culturais de máis relevancia, potenciar os hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva, cooperar na educación dos nenos e ofrecer alternativas de ocio dirixidas a fomentar as relacións sociais entre os veciños e evitar posibles riscos de exclusión social.

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local tamén se autorizou solicitar a participación na convocatoria de Augas de Galicia para a concesión de axudas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción do plan de emerxencia ante situacións de seca (DOG número 118 do 24 de xuño de 2019).