• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O módulo de pintura industrial en construción do obradoiro de emprego actúa no campo A Porta Santa

18/07/2019

Os dez alumnos-traballadores da especialidade de pintura industrial en construción do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V están a executar as actuacións previstas nas instalacións do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco. Os labores consisten na limpeza completa dos muros e o seu posterior pintado, tanto no exterior como no interior destas instalacións de titularidade municipal.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Rocío López, interesáronse polo desenvolvemento destes traballos e reuníronse no lugar das actuacións cos alumnos-traballadores e con parte do equipo docente.

Previamente este módulo do obradoiro de emprego xa traballara no complexo deportivo do campo de fútbol Municipal da Laracha (incluíndo, tamén, os muros no exterior e no exterior, así como actuacións no pavillón polideportivo e nas pistas de pádel). Outras intervencións xa acometidas centráranse no pavillón de Xermaña (Caión), nos centros socioculturais da Insua (Caión) e de Lendo e no edificio de servizos múltiples da Laracha.

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V está en marcha desde principios de decembro e rematará en agosto tras nove meses de actividade. O outro módulo do que consta é o de traballos de carpintería e moble, no que hai outros dez alumnos-traballadores que se centran no acondicionamento do espazo recreativo de sensibilización ambiental do entorno do Muíño da Cachada do municipio de Arteixo. O equipo directivo, docente e administrativo do obradoiro está formado por un grupo de seis persoas: director, auxiliar administrativo e mestres de cada especialidade, de xestión empresarial e de ensino básico.

Os Concellos da Laracha e de Arteixo, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, organizan este obradoiro con tres obxectivos esenciais: mellorar a empregabilidade das vinte persoas participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas municipais. O programa contempla incentivos económicos para a contratación dos alumnos-traballadores por parte das empresas unha vez remate o seu período formativo coa finalidade de favorecer a integración dos participantes no mercado laboral xa no sector privado.