• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberto o prazo de inscrición nos programas de voluntariado que se realizarán no concello

16/07/2019

O Concello da Laracha abriu o prazo de inscrición para que mozos de entre 16 e 30 anos de idade poidan participar en dous programas de voluntariado xuvenil que se levarán a cabo desde o verán e ata outubro (sesenta días de actividade) no noso municipio e que estarán relacionados co apoio organizativo no desenvolvemento de actividades en diferentes áreas.

Os programas son promovidos polo propio Concello da Laracha e pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha. Póñense en marcha en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Así, por un lado o Concello da Laracha solicitou formar parte dun programa para que oito mozos voluntarios participen como persoal de apoio aos técnicos especializados as diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, medioambiental e de emprego. 

Por outra banda, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tamén se acolleu a esta liña de axudas da Xunta de Galicia co propósito de que outros oito mozos voluntarios presten servizo á cidadanía a través de Protección Civil en eventos multitudinarios como a feira de Paiosaco, as festas do verán as xornadas de maior afluencia á praia de Caión e, entre outras actividades, cooperar na erradicación da vespa velutina.

En ambos casos os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas de actividade, tamén percibirán unha compensación económica diaria que cubrirá os gastos de manutención e transporte

O propósito final deste programa é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios. As persoas interesadas en formar parte de calquera destes dous programas poden ampliar información e formalizar a súa inscrición no Concello da Laracha.