• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde presenta á conselleira de Medio Ambiente a proposta de ampliación do punto limpo

10/07/2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe na Laracha a resolución das axudas para a instalación de puntos limpos móbiles e promoción de medidas destinadas á implantación da fracción orgánica dos residuos urbanos, das que se beneficiarán unha trintena de entidades locais galegas que percibirán, en total, 824.195 euros.

Precisamente o Concello da Laracha foi un dos beneficiarios, cunha achega de preto de 40.000 euros para tres fins complementarios. Por unha parte, serán adquiridos os ancoraxes necesarios para a implantación do novo colector de residuos orgánicos (quinta fracción) nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño. Tamén serán adquiridos polo Concello recipientes e bolsas compostables que serán distribuídas nas vivendas. Por último, realizarase unha campaña explicativa, informativa e de sensibilización á poboación sobre o modo de emprego destes novos colectores e a importancia de separar os residuos.

Aproveitando a presenza da conselleira no punto limpo –o lugar escollido para realizar o anuncio-, os membros do goberno local da Laracha presentáronlle a proposta de ampliación das instalacións desa infraestrutura municipal. José Manuel López Varela considera que “o punto limpo funciona perfectamente baixo a xestión da concesionaria Aspaber, pero quédasenos pequeno” e precísase dun maior espazo para “crear novas zonas de acopio de plásticos de silo e invernadoiros, restos vexetais, composteiros, novos contedores de reciclaxe e espazo cuberto para os recipientes de papel-cartón”.

A actuación deseñada polo Concello da Laracha ten un orzamento duns 250.000 euros.