• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

A Laracha acollerá un curso de monitor de fútbol base no mes de agosto

11/07/2019

O Concello da Laracha acollerá durante o próximo mes de agosto un curso de monitor de fútbol base baixo a organización da Escola Galega de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol e coa colaboración do Laracha C.F. 

O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Deportes, Patricia Bello, recibiron no Concello ao vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, e ao director da Escola Galega de Adestradores, Iván Cancela, que presentaron a iniciativa nun acto no que tamén participou o presidente do Laracha C.F., José Manuel Ceide ‘Canito’.

O curso constará de 65 horas lectivas nas que os alumnos recibirán formación teórica –nas instalacións da Casa da Cultura da Laracha- e práctica –no campo Municipal da Laracha-.

As persoas que superen a acción formativa recibirán o diploma que acredita que teñen a titulación requirida pola Real Federación Galega de Fútbol para poder adestrar equipos de categorías locais de fútbol base.

Co obxectivo de facilitar a asistencia dos alumnos, acordouse que o curso se desenvolva de xeito intensivo ao longo de todo o mes de agosto con sesións de tres horas de duración a realizar e horario matinal.

Todas as persoas que desexen realizar o curso de monitor de fútbol base que se impartirá na Laracha deberán inscribirse en liña na web da Real Federación Galega de Fútbol. Os alumnos deben ter cumpridos os 16 anos de idade e o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

O prezo é de 150 euros, que inclúe a ensinanza completa, os programas, a acreditación e o diploma.

José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción por poder ofrecer “aos veciños da Laracha e doutros concellos próximos a oportunidade de realizar este curso sen ter que facer largos desprazamentos a diario” e agradeceu tanto á Escola Galega de Adestradores como á Real Federación Galega de Fútbol a súa disposición para organizar na Laracha esta acción formativa.