Concurso
A sexta edición do concurso A Laracha de Tapas celebrarase do 9 ao 11 de agosto
06/07/2019
A Laracha de tapas volverá na fin de semana do venres 9 ao domingo 11 de agosto coa sexta edición deste certame que o Concello organiza co obxectivo esencial de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio, ademais de poñer e valor os produtos locais e o sector da restauración.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou recentemente as bases do certame, establecendo o 10 de xullo como a data límite na que os locais de hostalería da capital municipal que desexen participar formalicen no Concello a súa inscrición, que é gratuíta.
Tamén se estipulan nas bases os horarios nos que as tapas deberán estar dispoñibles para o público, o prezo de venda das elaboracións (1,50 euros) e os premios económicos. O do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). O do xurado popular estará dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes.
O Concello da Laracha organiza este concurso tralos rotundos éxitos das anteriores edicións. Durante o outono tamén está previsto realizar rutas de tapas en Caión e Paiosaco.