• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello crea un novo paso para peóns na avenida Fisterra

22/06/2019

Dentro do proxecto de mellora da seguridade viaria na Avenida Fisterra da Laracha, o tramo urbano da estrada AC 552 ao seu paso pola capital municipal, o Concello da Laracha vén de crear un novo paso para peóns á altura da rúa Canta La Rana. Trátase dunha área residencial e comercial na que existen paradas de autobuses con marquesiñas a ambos lados da calzada e onde hai unha distancia considerable ata o seguinte paso de cebra en calquera das dúas direccións.

Antes do pintado do novo paso para peóns foi preciso adaptar a beirarrúa nese tramo para facilitar a accesibilidade. Ademais, foi instalada a correspondente sinalización vertical do mesmo tipo que no resto de pasos de cebra existentes na vía.

Nunha fase anterior –xa realizada- do desenvolvemento deste mesmo proxecto fora renovado o pavimento dos espazos reservados para o aparcamento público de vehículos nun ámbito superior aos dous mil metros cadrados de superficie, incluíndo o remarcado da zona azul e a reorientación do estacionamento en determinados puntos da vía para reforzar a seguridade.

A actuación completarase nos próximos días coa recolocación ao nivel da estrada dos rexistros, tapas e cubertas de todos os servizos (electricidade, recollida de pluviais, saneamento, abastecemento, gas, telecomunicacións, iluminación pública, etc).

Este proxecto de mellora da seguridade viaria na que é a estrada que presenta un maior volume de tráfico do municipio está valorado en preto de 70.000 euros.