• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organizará un programa xuvenil centrado na dinamización do medio rural a través da posta en valor do patrimonio cultural e natural

17/06/2019

O Concello da Laracha organizará e desenvolverá do 8 ao 24 de xullo un programa xuvenil que se centrará na dinamización do medio rural coa posta en valor do patrimonio cultural e natural municipal a través das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

A iniciativa vai dirixida a mozos voluntarios de idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, que poderán inscribirse no Concello ata o 5 de xullo. No caso de que as solicitudes de participación superen o número máximo de prazas ofertadas, realizaríase un sorteo público para outorgalas o 2 de xullo ás 11:00 horas no salón de plenos.

O programa inclúe un total de cincuenta horas formativas repartidas entre a parte teórica na aula de informática e o traballo de campo coas visitas aos elementos patrimoniais de maior relevancia do municipio, que serán identificados, xeolocalizados e potenciados nas principais redes sociais. Por tanto, o proxecto presenta unha dobre vertente innovadora ao ofrecer formación sobre o uso das novas tecnoloxías (en móbiles, tabletas e ordenadores) e que os participantes adquiran a capacidade de transmitir e divulgar a información obtida. 

Este proxecto que promove o Concello da Laracha desenvolverase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ao abeiro das axudas destinadas ás entidades locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á mocidade durante o ano 2019 (DOG número 23 do 1 de febreriro de 2019).