Concello
O programa municipal de actividades de verán inclúe vinte propostas dirixidas a todos os públicos
15/06/2019
O Concello da Laracha presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo e de agosto e que inclúe un total de vinte propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas. Como cada verán o Concello incorpora novas iniciativas e tamén dará continuidade ás actividades mellor valoradas polo público en anteriores edicións en base ás cifras de participación rexistradas en anos pasados e á aceptación que tiveron pola veciñanza en xeral.
Aínda que tamén hai propostas nas que se convida a participar ao público adulto, a maioría das actividades van dirixidas aos nenos porque un dos obxectivos é axudar á conciliación laboral e persoal das familias, ofrecendo unha ampla programación durante a época de vacacións de verán nos centros escolares.
O prazo de inscrición abrirase o martes e deben formalizarse acudindo ao Concello da Laracha. Na próxima semana desenvolverase unha campaña informativa centrada prioritariamente nos centros de ensino.
Neste verán os campamentos volverán ter un especial protagonismo. Tal e como é habitual, haberá dúas quendas dos campamentos municipais de Caión, sendo a primeira (rapaces nados entre o 2008 e o 2011) do 1 ao 5 de xullo e, a segunda (rapaces nados entre 2004 e 2007) a semana seguinte, do 8 ao 12 de xullo. En ambos casos o autobús recollerá cada día aos participantes na Praza do Concello ás 10:00 e regresará ás 18.00 horas. Para cada unha das quendas hai un límite de cincuenta prazas (sorteo no caso de ser necesario).
Os nenos de 3 a 7 anos de idade tamén terán campamentos, neste caso urbanos, que se desenvolverán no pavillón do IES Agra de Leborís en horario de mañá (9:00 a 14:00 horas). A primeira quenda será do 1 ao 5 de xullo e a segunda, do 5 ao 9 de agosto.
Propostas habituais deste programa son os campus dos deportes máis practicados no municipio. O de fútbol será do 15 ao 20 de xullo en horario de mañá no Campo Municipal da Laracha e en A Porta Santa de Paiosaco. O de baloncesto terá lugar no pavillón Municipal da Laracha entre os días 29 de xullo e 2 de agosto.
O sábado 20 de xullo, e coincidindo coas festas patronais de Vilaño, celebrarase a cuarta edición da Carreira Popular do Apóstolo, evento que contará con diferentes percorridos para todos os grupos de idade, sendo de dez quilómetros a de adultos. Tamén haberá unha Andaina Solidaria en beneficio de Cáritas.
A praza Eduardo Vila Fano de Caión acollerá dúas sesións de cine ao aire libre. O día 19 de xullo proxectarase o filme Campeones e o 3 de agosto, El Regreso de Mary Poppins, en ambos casos a partir das 22:30 horas.
O Campo da Feira de Paiosaco acollerá o 22 de xullo unha das principais novidades do programa, que será o circuíto de karts a pedais dirixido a todos os públicos.
O 24 de xullo celebrarase no Campo Municipal da Laracha un torneo 3x3 de fútbol base no que poderán inscribirse nenos de entre sete e catorce anos de idade, é dicir, desde categorías prebenxamín ata infantil.
A xornada ecuestre do 9 de agosto tamén se realizará por primeira vez e vai dirixida a maiores de oito anos de idade.
O 11 de agosto celebrarase a 32ª edición do Día da Bici, previsiblemente a proposta máis multitudinaria do programa de verán. O percorrido comezará ás 11:00 horas na Praza do Concello, pasarase por Paiosaco e rematará en Caión. Convídase a participar a persoas de todas as idades. Ademais, os sábados 27 de xullo e 24 de agosto haberá rutas mini BTT dirixidas a maiores de oito anos.
Na praia de Caión organizaranse tres actividades: kaiak e paddle surf (5 de agosto) xornada de xogos con inchables e banana acuática (13 de agosto) e o cursillo de iniciación ao surf (28 de agosto)
Salientar tamén as saídas que se realizarán para disfrutar do aquapark de Cerceda (23 de xullo e 6 de agosto), xogar ao paintball en Teo (20 de agosto) e practicar barranquismo no río Almofrei (8 de agosto), kaiak no río Eume (22 de agosto) e ráfting no río Ulla (27 de agosto).
Na programación de verán tamén hai cabida para os cursos de manualidades e pintura ao óleo, que se realizarán en sesións semanais de dúas horas de duración (11:00 a 13:00 horas) nos meses de xullo e agosto. Poderán participar nenos maiores de catro anos de idade e terán dúas quendas para escoller (xoves e venres).
Na organización e desenvolvemento deste programa municipal de actividades de verán colaboran co Concello da Laracha a Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, club ciclista Laracha en Dúas Rodas, Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) e Asociación Adro de Vilaño.
Descarga o programa aquí