• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia a campaña anual de desbroce nas cunetas das estradas municipais

12/06/2019

A campaña de desbroce das vías municipais xa está en marcha no Concello da Laracha co obxectivo de eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas. Os traballos comezaron a executarse despois de que o pasado venres se completase o procedemento de contratación do servizo, que suporá un desembolso de 80.000 euros procedentes integramente de fondos municipais.

As primeiras actuacións estanse a desenvolver na parroquia de Lestón, incluíndo o núcleo urbano de Paiosaco, e a continuación levaranse a cabo en Lendo, Coiro e Soandres. Posteriormente realizaranse estes mesmos traballos nas outras nove parroquias.

Os labores de roza da rede viaria municipal son un servizo que permite frear o crecemento da vexetación nas cunetas, mellorando a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzando a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público nas estradas.

Do mesmo xeito que en pasados exercicios, a campaña de desbroce afectará a todas as estradas, vías, pistas asfaltadas e camiños forestais que existen no municipio e que en total superan os seiscentos quilómetros lineais. Tamén se contempla a limpeza das parcelas e terreos de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes. En total alcanzan unha superficie de 150.000 metros cadrados.

A decisión do Concello da Laracha de dividir o servizo en catro lotes posibilitará axilizar a execucións das actuacións previstas, que se prolongarán durante os próximos meses.