Concello
O Concello e Sogama cederán composteiros domésticos aos veciños que o soliciten
04/06/2019
O Concello da Laracha lembra á veciñanza que para un uso responsables dos colectores de residuos sólidos urbanos non deben depositarse neles os restos da materia vexetal procedente do acondicionamento de xardíns, fincas e terreos particulares, en especial da corta de herba ou céspede.
Por este motivo, o Concello da Laracha e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) desenvolverán unha campaña medioambiental a través da que se cederán composteiros domésticos ás persoas que o soliciten.
A compostaxe doméstica non é máis que a reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Con esta iniciativa procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medioambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos recollidos nos colectores e transportados á planta de Sogama, evitando darlles un tratamento que dito material, polas súas características, non require.
O Concello da Laracha distribuirá de xeito gratuíto os composteiros nos fogares interesados en dispoñer deles.