• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A campaña de desbroce de cunetas nas estradas municipais comezará a semana que vén

07/06/2019

A campaña de desbroce das cunetas das vías municipais iniciarase a próxima semana despois da formalización dos contratos coas empresas que resultaron adxudicatarias –Jardincelas, Galaica, Xalo e Forpón- dos catro lotes nos que o Concello da Laracha dividiu o servizo para facilitar e axilizar o desenvolvemento das actuacións.

José Ramón Martínez Barbeito, tenente alcalde, e representantes de ditas empresas formalizaron os contratos que permitirán comezar os traballos de xeito inmediato, afectando as primeiras actuacións, que comezarán na próxima semana, á parroquia de Lestón –incluíndo o núcleo urbano de Paiosaco- e, a continuación, a Lendo. Posteriormente actuarase nas outras once. 

O desbroce na rede viaria municipal é un servizo que se desenvolve co propósito de frear o crecemento da vexetación nas cunetas, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público nas estradas.

Do mesmo xeito que en pasados exercicios, a campaña de desbroce afectará a todas as estradas, vías, camiños e pistas asfaltadas de titularidade municipal que existen no Concello. Por tanto, durante os próximos meses acometeranse estes traballos nunha distancia superior aos cincocentos quilómetros. Ademais, un dos lotes inclúe a limpeza das parcelas municipais que non están contempladas no contrato do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes e que alcanzan, en total, unha superficie de 150.000 metros cadrados.

O Concello da Laracha inviste con fondos propios municipais un total de 80.000 euros nesta campaña.