• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Dezaseis persoas participantes no programa integrado de emprego xa accederon a un posto de traballo

01/06/2019

Impulsa emprego A Laracha, o programa integrado de emprego que se desenvolve no Concello da Laracha e que está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cumpre os seus primeiros sete meses de actividade nos que se desenvolveron accións innovadoras de orientación profesional, asesoramento e intermediación laboral co propósito de facilitar a inserción no mercado laboral dos seus participantes.

Durante este tempo leváronse a cabo iniciativas de formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas estranxeiros, formación específica para mellorar as competencias profesionais e obradoiros relacionados coa realización de currículos, preparación de entrevistas de traballo, busca de emprego en liña e técnicas de coaching e intelixencia emocional, entre outros contidos. En agosto desenvolveranse os últimos con contidos dirixidos ao emprendemento.

Estas accións formativas son xestionadas polas cinco persoas (coordinadora, orientadores/prospectores e auxiliar administrativa) encargadas da xestión de Impulsa emprego A Laracha e que tamén deseñaron os itinerarios profesionais personalizados para cada un dos cen participantes neste programa integrado de emprego. 

Precisamente estes itinerarios son esenciais para a seguinte fase formativa, xa que determinarán en que sectores os participantes realizarán nas empresas colaboradoras as prácticas profesionais non laborais. As posibilidades son almacén e loxística, fabricación e montaxe en cadea, administración e servizos (xa se completou a primeira quenda e estase desenvolvendo a segunda), contabilidade e fiscalidade e, por último, novas tecnoloxías. Cada participante debe realizar, canda menos, tres destes itinerarios.

Con Impulsa emprego A Laracha o Concello e a Xunta de Galicia márcanse como obxectivo a inserción no mercado laboral do corenta e cinco por cento. Cando se levan completados sete meses dos doce dos que consta este programa integrado de emprego, dezaseis das cen persoas participantes xa accederon a un posto de traballo.