• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

MÁIS DE OITOCENTOS ALUMNOS DE INFANTIL E PRIMARIA ASISTEN AO FESTIVAL DE TEATRO DO PROGRAMA DE NADAL MUNICIPAL

15/12/2015

O programa de actividades de Nadal que organiza o Concello da Laracha xa está en marcha. Aproveitando as últimas xornadas lectivas nos centros de ensino antes das vacacións estase a desenvolver en horario escolar e na Casa da Cultura da Laracha o Festival de Teatro Infantil, contándose coa asistencia como espectadores de máis de oitocentos alumnos dos colexios do municipio.   

O luns 14 de decembro pola mañá máis de trescentos estudantes de ensino infantil e de 1º de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e das escolas unitarias de Montemaior (CEIP de Cumiáns) e de Soandres (EEI A Revoltiña) asistiron ao espectáculo cómico Rosa, Caramelo e outras historias, de Talía Teatro e interpretado por Artur Trillo e Fernando Fraga.   

Ao remate das funcións os nenos recibiron a visita de Papá Noel, que obsequiou a todos os asistentes con caramelos e interesouse polas súas peticións de regalos para as festas do Nadal.   

O martes 15 novamente Talía Teatro escenificou outra das súas pezas para o público infantil: Sopa de sapo. Neste caso os espectadores serán todos os alumnos do CEIP de Caión, os estudantes de primaria do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e os de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha.

Compartir: