• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello destina 80.000 euros á campaña de desbroce deste ano

15/05/2019

O Concello da Laracha está a desenvolver o procedemento de contratación dos servizos referidos aos traballos para a prevención e defensa contra incendios forestais e de roza de vías e parcelas municipais que se realizarán ao longo dos próximos meses. 

Destinaranse un total de 80.000 euros procedentes integramente de fondos municipais a esta campaña de desbroce que, co propósito de axilizar a execución dos labores previstos, está dividida en catro lotes. Os tres primeiros inclúen a totalidade das estradas de titularidade municipal. O cuarto recolle a limpeza das parcelas municipais que non están contempladas no contrato do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes e que alcanzan, en total, unha superficie de 150.000 metros cadrados.

As empresas interesadas en concorrer a este procedemento de contratación teñen de prazo ata o martes da próxima semana (21 de maio) para presentar as súas ofertas. Toda a documentación está dispoñible na Plataforma de Contratación del Sector Público.

A campaña de desbroce das cunetas das vías e das parcelas de titularidade municipal ten por obxectivo eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.