• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Propostas culturais e sociais para todos os públicos no programa municipal das Letras Galegas

06/05/2019

O Concello da Laracha organiza unha ampla e variada programación municipal para festexar as Letras Galegas, incluíndo propostas culturais e sociais dirixidas a todos os públicos.

A figura de Antón Fraguas, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas, centra a exposición que xa se pode ver na biblioteca municipal da Laracha. Trátase dunha unidade didáctica composta por dez carteis e que foi cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia 

As actividades infantís teñen unha importancia destacada neste programa con iniciativas que se desenvolverán nas tres bibliotecas municipais. A primeira será na da Laracha o domingo 12 de maio a partir 12:00 horas con Os contos do chupete, dirixida a bebés de ata tres anos de idade. O xoves 16, na véspera das Letras Galegas, tamén a biblioteca da Laracha acollerá desde as 18:00 horas o evento Antón Fraguas e a festa dos monicreques, dirixido a maiores de catro anos. O martes 21 haberá contacontos na biblioteca de Caión (Espantamedos) e o xoves 23, na de Paiosaco (O paroleiro), en ambos casos desde as 18:00 horas. Participar en calquera destas propostas é gratis e non require inscrición previa.

O sábado 18 pola tarde, no pavillón do IES Agra de Leborís, terá lugar unha nova edición da tradicional Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa (inicio ás 13:00 horas), xantar e baile. O luns da próxima semana (13 de maio) será o último día para mercar as entradas no edificio administrativo ao prezo de 10 euros. O evento vai dirixido aos veciños maiores de 65 anos de idade, xubilados e pensionistas.

A principal novidade deste ano será o evento con Os Bolechas que se celebrará o domingo 19 de maio coa colaboración da Secretaría de Estado de Igualdad no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ás 16:30 presentarase na Casa da Cultura o libro Os Bolechas, igualando na Laracha e, a continuación, na explanada fronte ao IES e a biblioteca municipal haberá un pasarrúas e diversas actividades nas que os nenos poderán interactuar cos Bolechas.

Tamén o domingo, pero pola tarde, a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18:30 horas na explanada fronte á biblioteca municipal da Laracha. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo tería lugar no pavillón do IES Agra de Leborís.

Neste programa municipal tamén se inclúen as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos diferentes cursos do programa municipal de actividades de inverno.

A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 17 ás 17:00 horas no baixo da biblioteca municipal. Poderá visitarse ata o martes día 21 en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Para o venres día 24 ás 17:00 horas están programadas as aperturas das mostras de Caión (antiga casa reitoral) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17:00 a 20:00 horas.