Concello
A Xunta de Goberno adxudica o proxecto de construción das beirarrúas na 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo
06/05/2019
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foi adxudicado o contrato de execución do proxecto de construción das beirarrúas na 2ª e 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo. As obras serán realizadas pola empresa SYR-AMG que, en base á valoración técnica da Mesa de Contratación, presentou a oferta máis favorable para o Concello das doce que concorreron á licitación.
O proxecto está valorado en 160.000 euros e dará continuidade ás actuacións desenvolvidas no casco urbano da Laracha dirixidas a humanizar as rúas e reforzar a seguridade viaria creando un espazo peonil separado do ámbito de rodadura dos vehículos. Neste caso facilitarase o tránsito a pé entre as rúas Eusebio Bértoa e José Añón, que é unha das vías de acceso cara o CEIP Ramón Otero Pedrayo.
As beirarrúas construiranse nunha das marxes da 2ª e da 3ª travesías Eusebio Bértoa Queijo. Cada unha delas ten unha lonxitude de 300 metros, polo que serán creados 600 metros de ámbito peonil cun mínimo de dous metros de anchura. O proxecto contempla melloras na rede de recollida de pluviais, as acometidas dos servizos de saneamento e abastecemento, as canalizacións soterradas da iluminación pública e as telecomunicacións e a reserva de espazos en superficie para a instalación de elementos de sinalización e alumeado.
Nos próximos días procederase á formalización do contrato e a continuación estarase en disposición de iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de catro meses.
Ademais, na Xunta de Goberno Local tamén se acordou solicitar a participación na convocatoria de axudas da Axencia de Turismo de Galicia para apoiar economicamente na promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico autonómico (DOG número 73 do 15 de abril). A través desta liña de subvencións o Concello da Laracha pretende dar un novo impulso á Feira das Cereixas de Paiosaco poñendo en marcha novidadosas iniciativas no evento que se celebrará o domingo 7 de xullo.