• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha estrea o novo vídeo de promoción turística

30/04/2019

“Non hai recuncho na Laracha que non te anime a regresar”. Con esta frase comeza o novo vídeo de promoción turística que o Concello estrea hoxe e que xa está dispoñible para o seu visionado en galego, castelán, inglés e francés nas redes sociais (canle de Youtube e páxinas de Facebook municipais e de turismo), proxectando ao exterior unha imaxe moderna con material audiovisual impactante.

Cunha duración de sete minutos e medio, no vídeo expóñense dun xeito dinámico os principais recursos turísticos municipais apostando por destacar a espectacularidade das imaxes aéreas. Caión, a súa praia con bandeira azul e o xeodestino Costa da Morte teñen un especial protagonismo, pero tamén se fai énfase na zona interior coa Feira de Paiosaco, a riqueza medioambiental da área recreativa de Gabenlle e dos entornos fluviais (incluíndo o museo dos muíños de Golmar), o patrimonio arqueolóxico (Castro de Montes Claros) e arquitectónico (mosteiro de San Pedro de Soandres), as festas populares (salientando a Romaría dos Milagres e a Feira das Cereixas como Festas de Interese Turístico de Galicia), a gastronomía e as posibilidades de turismo activo.

Promocionar o Concello para captar turistas e visitantes é o obxectivo fundamental da realización deste vídeo, pero non o único. Tamén se pretende ofrecer unha imaxe global do municipio explicando as oportunidades que ofrece A Laracha tanto ás persoas que están á procura de atopar un lugar no que fixar a súa residencia como a empresas e posibles investidores. É por iso que na parte final se fai un breve percorrido polas principais infraestruturas, servizos públicos e eventos, así como polo polígono industrial.

O Concello da Laracha tamén está a traballar na realización doutro vídeo turístico de menor duración –en torno a un minuto- que complementará o estreado hoxe para facilitar o seu visionado e adaptarse ós perfís dos diferentes usuarios das redes sociais.

Vídeo de promoción turística do Concello da Laracha