• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Luis Zahera, Celso Sanmartín, Moncho Borrajo e Oswaldo Digón, no cartel do 7º Festival do Humor da Laracha

20/04/2019

O Concello da Laracha renova a súa aposta por ofrecer espectáculos cómicos de alta calidade na séptima edición do Festival do Humor, programa xa consolidado como un dos grandes referentes nas propostas culturais municipais da primavera.

Este ano volvemos contar cun cartel de luxo, xa que pola Casa da Cultura pasarán catro monologuistas de referencia nacional. Trátase dun festival moi completo, con shows para diferentes idades e gustos, e todos eles dunha calidade incuestionable.

O encargado de abrir o cartel será Luis Zahera o sábado 4 de maio. O flamante premio Goya ao mellor actor de reparto pola súa participación no filme El reino regresa á Laracha para compartir co público anécdotas e experiencias persoais.

Os tres seguintes espectáculos serán en venres, tal e como foi habitual nas edicións anteriores do programa. Así, o poeta e contacontos pontevedrés Celso Sanmartín chegará á Laracha o 10 de maio cun monólogo composto, como é habitual en el, de historias e memorias da tradición oral galega.

O 24 de maio o artista ourensano Moncho Borrajo, un dos humoristas galegos de maior éxito do momento, fará unha parada na Laracha no seu percorrido por todo o país, onde está a encher grandes teatros en diferentes cidades do panorama nacional co seu último show.

E o lucense Oswaldo Digón, un dos cómicos de referencia no panorama galego actual, pechará o programa o 31 de maio.

As entradas pódense adquirir na Casa do Concello ao prezo reducido de cinco euros por cada espectáculo. Xa están esgotadas todas as butacas para os shows de Luis Zahera e Moncho Borrajo.