• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os dous proxectos que se están a executar no Campo da Insua de Caión supoñen un investimento de 1,5 millóns

03/04/2019

No Campo da Insua de Caión estanse a executar simultaneamente dous proxectos promovidos polo Concello da Laracha e que suporán un investimento total próximo ao millón e medio de euros. Nos últimos días a presenza de maquinaria pesada na zona e coas actuacións previstas xa a pleno rendementos evidencian o importante volume das intervencións que se están a levar a cabo.

Un deses proxectos consiste na creación do centro comunitario Costa da Morte, un edificio singular e pensado especificamente para Caión que contará con oficinas administrativas, aulas polivalentes e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados divididos en dúas plantas.

O proxecto, valorado en preto de 1,2 millóns de euros, presenta unha clara vocación integradora xa que o novo edificio albergará as novas dependencias da Confraría de Pescadores de Caión e o punto de información turística municipal. Ademais, disporá de aulas temáticas, exposicións permanentes e salas polivalentes equipadas para albergar diversidade de iniciativas de interese xeral relacionadas coa cultura, a formación, a educación e, sobre todo, o respecto ao medio ambiente e o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as áreas costeiras.

Por outra parte, e de maneira simultánea, estase a avanzar na execución do proxecto de urbanización parcial do Campo da Insua, estando prevista a apertura dunha nova vía que enlazará a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez. O ámbito de actuación da área a urbanizar alcanza os dous mil metros cadrados de superficie, sobre os que se construirá unha nova rúa con zonas de aparcamento, beirarrúas e espazos axardinados. Inclúense, tamén, a creación das novas redes de abastecemento de auga e de saneamento, a rede de recollida de augas pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos eléctricos, telecomunicacións e iluminación pública. Neste caso o orzamento da obra é de 258.000 euros.

Compartir: