• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello acollerá un novo programa de voluntariado xuvenil

06/04/2019

O Concello da Laracha acollerá ao longo deste ano una nova iniciativa de voluntariado xuvenil no marco do programa “Corpo Europeo de Solidariedade”, impulsado pola Unión Europea co propósito de crear oportunidades para que a mocidade coopere en plans que beneficien a comunidades e cidadáns de todo o continente.

O proxecto deseñado polo Concello titúlase A Laracha ampliando horizontes con mozos europeos. Dará a oportunidade a dous voluntarios procedentes doutros países de Europa de vivir unha experiencia laboral no termo municipal da Laracha –fóra do seu entorno- e cooperar no deseño, organización e desenvolvemento de actividades municipais relacionadas coa cultura, o deporte, a conservación do medio ambiente, a saúde, a educación, a formación, a inclusión social e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, entre outras temáticas.

Á hora da selección dos candidatos terán prioridade os mozos de entre 18 e 30 anos de idade con estudos completos finalizados e con coñecemos do idioma castelán para facilitar a súa integración.

Para o Concello da Laracha trátase dunha iniciativa interesante dado que a presenza destes voluntarios permitirá ter unha nova perspectiva e ideas renovadas á hora de programar iniciativas municipais. Ademais, posibilitará que os veciños que participen nelas poidan avanzar cara o coñecemento doutras culturas, costumes e tamén de idiomas.

O proxecto A Laracha ampliando horizontes con mozos europeos desenvolverase coa colaboración do Instituto de la Juventud (Injuve) e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Será financiado integramente con fondos do programa Erasmus+.