• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Tres espectáculos compoñen a Primavera Teatral de Paiosaco

30/03/2019

O Concello da Laracha presenta o programa da novena edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A Primavera Teatral, afianzada como un dos grandes referentes da programación cultural municipal, desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural desa localidade e constará de tres espectáculos.

O Concello da Laracha volve apostar por achegar as artes escénicas á veciñanza en xeral, con propostas especialmente dirixidas ao público adolescente e adulto na que o humor será o principal protagonista.

A primeira función será Idiota, que traerá a Paiosaco o día 5 de abril a compañía Redrum Teatro. Trátase dunha comedia negra na que a personaxe interpretada polo actor Machi Salgado acepta, a cambio de diñeiro, someterse a unha serie de probas psicolóxicas que lle fará unha doutora á que dará vida a actriz Susana Sampedro. Alex Sampayo dirixe o espectáculo, baseado na obra orixinal do dramaturgo Jordi Casanovas cun texto cheo de dilemas morais e cargado de presión psicolóxica. 

O venres 12 de abril ofrécese Un fiambre, unha rosca e un cancán a cargo da arteixana Asociación Cultural Faíscas. Este grupo de teatro afeccionado presentará en Paiosaco unha sorprendente comedia dirixida a todos os públicos que se desenvolve nun pazo e na que son protagonistas as mulleres habitantes dunha vila na que se produce un asasinato que está por resolver.

O ciclo pecharase o 26 de abril con Rodríguez, o loro de Picadillo, do grupo coruñés Melandrainas Teatro e baixo a coordinación do escritor e historiador arteixán Xabier Maceiras. A historia transcorre entre 1900 e 1906 no despacho de Manuel Puga y Parga –que foi alcalde da cidade da Coruña-, no Pazo de Anzobre e no entorno rural da aldea de Armentón. Nela debúxanse situacións cotiáns da vida de Picadillo durante as súas estancias estivais no pazo, sobre os seus veciños e, sobre todo, céntrase no loro que lle regalou unha das súas afilladas que vivía nas Américas. Chea de pinceladas dese humor tan seu, a obra nos achega a un Picadillo descoñecido ao que lembrar, ademáis de pola súa cociña, pola súa grandeza e calidade humana.

Todas as obras poranse en escena no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.