• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renova o parque biosaudable da área recreativa de Gabenlle

20/03/2019

O Concello da Laracha acaba de renovar o parque biosaudable da área recreativa de Gabenlle, a zona de ocio situada xunto ao río Anllóns e emprazada a apenas cincocentos metros do núcleo urbano da Laracha. A infraestrutura conta con aparellos tipo bicicleta, esquí, balanza, xiro de cintura, patíns e temón. 

O Concello da Laracha aposta, así, por continuar ofrecendo aos veciños novas posibilidades de ocio que, ao mesmo tempo, fomentan a realización de actividades físicas e, por tanto, son beneficiosas para a saúde dos usuarios.

Na actualidade o municipio conta con catro parques biosaudables. Ademais do de Gabenlle, tamén hai instalacións deste tipo no parque Maximino Canedo da Laracha, o paseo marítimo de Caión e a urbanización Monte Claro de Cabovilaño.

Os obxectivos fundamentais da presenza dos parques biosaudables son influír positivamente sobre as persoas maiores para conseguir cambios efectivos nos seus hábitos de vida, evitar o deterioro psicomotor que acompaña á idade coa práctica continuada de actividade física e, entre outros, ampliar a oferta de instalacións deportivas que existe no municipio.

A área recreativa de Gabenlle é especialmente concorrida durante as fins de semana, xa que dispón de grellas, bancos, mesas, dous parques infantís e amplas zonas verdes. Tamén é frecuente que se despracen a esta zona a diario moitas persoas que rematan en Gabenlle o seu percorrido a pé polo paseo fluvial do río Anllóns. Por estes motivos considérase unha localización idónea para unha instalación destas características.