• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A balaustrada do paseo fluvial do río Anllóns sufriu graves danos por causa dun acto vandálico

25/03/2019

O Concello da Laracha procederá a reparar nos próximos días a balaustrada do paseo fluvial do río Anllóns no tramo de 400 metros de distancia que discorre entre a ponte de acceso desde a rúa Arxentina ata a ponte que comunica a pasarela co antigo camiño do Formigueiro.

Na pasada fin de semana, probablemente na madrugrada do sábado ao domingo, un grupo de persoas cometeron nesta infraestrutura municipal un acto vandálico que causou a rotura da balaustrada en ambas pontes e outros graves danos en toda a estrutura, principalmente no lado esquerdo en dirección ao Formigueiro.

A Policía Local, que acordoou as zonas máis afectadas para advertir aos usuarios do paseo fluvial da situación e garantir a súa seguridade, investiga os feitos e solicita a colaboración da veciñanza para tratar de determinar o causante ou causantes.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, comprobaron en persoa o estado da pasarela en todo o tramo. Tras unha primeira valoración técnica, estímase que o custe da reparación superará os 6.000 euros.

O Concello da Laracha lamenta profundamente que esta acción vandálica levadas a cabo por persoas desaprensivas de xeito deliberado e coa única intención de facer dano poida perturbar a tranquilidade dos veciños do municipio, máis aínda por tratarse dunha das zonas máis cómodas e mellor acondicionadas para transitar a pé, especialmente nestas datas nas que as condicións climatolóxicas son favorables. Iso á marxe do importante gasto que suporá a reparación para as arcas municipais, que non deixan de ser fondos públicos que non poderán destinarse a financiar outras obras ou servizos de interese xeral para a cidadanía.