• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha aumentou en 40 habitantes a súa poboación no último ano segundo os datos do INE

25/03/2019

O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de comunicar ao Concello da Laracha que, unha vez finalizado o procedemento para a obtención da proposta de cifras oficiais de poboación previsto por lei, o número de habitantes do noso municipio a día 1 de xaneiro de 2019 ascende a 11.342.

O dato ofrecido polo INE volve a poñer de manifesto o progresivo aumento de poboación que se rexistra no Concello da Laracha, xa que na mesma data do ano anterior o número de veciños era, segundo o mesmo organismo, de 11.302, corenta persoas menos.

As cifras do padrón municipal de habitantes, que presentan certas diferenzas no cómputo visibles nas magnitudes resultantes, reflicten uns valores que indican que no Concello da Laracha residen 11.385 veciños. Este dato foi trasladado ao INE para a súa valoración antes da aprobación definitiva da proposta inicial.

Desde o Concello da Laracha valoramos estas cifras de poboación como altamente positivas, xa que o aumento no número de habitantes é o mellor indicativo das oportunidades laborais e a boa calidade de vida que ofrece o municipio. Neste sentido é esencial tanto o desenvolvemento económico do sector privado como ofrecer servizos públicos de calidade aos veciños para axudar na conciliación da vida persoal, laboral e familiar (centro de día e fogar residencial, escola infantil, aula lúdica, servizo Madrugadores), programas de actividades dirixidos a todos os públicos, locais sociais para a terceira idade nos tres cascos urbanos, ampla cobertura en instalacións deportivas e culturais e un desenvolvemento urbanístico ordenado que permitiu durante os últimos anos crear áreas verdes, prazas públicas e parques infantís. Tamén cobran gran importancia as boas comunicacións e a proximidade coa cidade da Coruña.