OITENTA PERSOAS LARACHESAS SON ACTUALMENTE BENEFICIARIAS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
29/12/2015
O Concello da Laracha pechará o ano 2015 prestando o servizo de axuda no fogar (SAF) a un total de oitenta veciños, dos cales corenta e dous accederon ao programa por dependencia e outros trinta e oito, por libre concorrencia. Trátase dun programa xestionado polos servizos sociais municipais e que é cofinanciado pola Xunta de Galicia, o Concello máis a achega do beneficiario (variable segundo o seu nivel de recursos económicos).
Cabe lembrar que para acceder ao SAF por dependencia é imprescindible ter recoñecido o grao de dependencia e resolto o programa individual de atención (PIA). As persoas que cumpren con ditas características ou ben xa reciben a prestación do servizo ou pasan a integrar a lista do programa de asignación de recursos (PAR).
A outra posibilidade é acceder ao SAF por libre concorrencia, opción regulada na correspondente ordenanza municipal para casos de persoas que precisan o servizo, pero non teñen o recoñecemento da situación de dependencia ou non lles asiste o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, así como a aquelas persoas que se atopan en situacións nas que a problemática estea relacionada con aspectos convivenciais e socio-educativos.
No pasado mes de marzo a Xunta de Galicia aumentara nun sesenta por cento o número de horas mensuais para a prestación do SAF por dependencia concedidas ao Concello da Laracha, que foron distribuídas polos servizos sociais municipais entre antigos e novos usuarios (integrantes do PAR). Isto posibilitou reforzar o programa e incrementar o número de altas por dependencia en vinte e sete persoas. Ademais déronse de alta por libre concorrencia a outras vinte e dúas persoas que cumprían os requisitos requiridos.
En datos absolutos o número de horas mensuais prestadas do SAF na Laracha son 2.525, das cales 1.679 corresponden a dependencia e as outras 846 son de libre concorrencia. A achega municipal anual en 2015 para o cofinanciamento deste servizo sitúase en 276.604 euros.
Xantar na casa
Por outra banda, o programa Xantar na Casa conta actualmente con dezanove usuarios, incluídas as dez alta rexistradas no ano 2015.
Este servizo ten por finalidade garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de cada un dos beneficiarios, que deben ser persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que carezan de apoios que puideran suplir tal situación, ou ben calquera persoa, independentemente da súa idade, que sexan dependentes e non teñan apoio familiar para a preparación dos alimentos.
A través deste programa os usuarios reciben os alimentos nos seus domicilios unha vez por semana e, no caso de que non dispoñan deles, tamén se lles facilitarán os medios (microondas e neveira) para poder preparalos cada día dun xeito cómodo e sinxelo.
O servizo é prestado polo Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, sendo subvencionado pola Xunta de Galicia e tamén polo Concello da Laracha. O prezo diario do menú é de 6,27 euros, dos cales o usuario aboa unicamente 1,67 euros (o 26,67%), a mesma cantidade que achega o Concello, facéndose cargo o Consorcio do 46,66% restante.