• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

A Laracha de Tapas volve nesta fin de semana coa quinta edición do certame

04/03/2019

A quinta edición do concurso A Laracha de tapas celebrarase do venres ao domingo co obxectivo esencial de dinamizar o tecido comercial e hostaleiro do municipio. O evento foi presentado hoxe no Concello da Laracha nun acto no que participaron as concelleiras Rocío López e Patricia Bello, así como representantes dos establecementos que forman parte do certame. 

Así, o venres (de 19:00 a 00:00 horas) o sábado (de 12:00 a 15:00 e de 19:00 a 00:00 horas) e o domingo (de 12:00 a 15:00 horas) poderanse degustar as seguintes tapas nestes doce locais ao prezo de 1,50 euros:

  • Hotel-Restaurante ABC: Fabada
  • Café Bar Aqua: Orella brava
  • Café-Bar Esmorís: Choupa en salsa americana con arroz.
  • Café-Bar Guadalupe: Bocado celta
  • Manhattan Skyline: Tosta de gulas e gambas con champiñóns.
  • Café-Bar Mariño: Tallada en prebe con pilaw
  • O Noso Café: Fajita do Noso
  • Cervexaría O Trasno: Tosta de lombo de porco
  • Bar Sandra: Costela enzorzada con patacas fritas.
  • Bar Sara: Xamón asado con puré e verduras.
  • Cervecería Zaaibel: Bacalao Zaaibel
  • Ambigú Café: Tenreira guisada Ambigú

 

Durante as tres xornadas do concurso un tren turístico realizará de xeito continuado un percorrido entre os doce locais participantes para transportar de xeito gratuíto ás persoas que o desexen.

A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes. Todos os votos válidos entrarán no sorteo dos regalos doados polas empresas colaboradoras e participantes nos concursos.

A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros, seleccionados polo Concello, acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o Concello da Laracha considera que o evento tamén será unha oportunidade para que o público en xeral poida disfrutar de tres xornadas festivas e coñecer a profesionalidade e as posibilidades que ofrece a hostalería da capital municipal.