• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de construción do centro comunitario de Caión

04/03/2019

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, o concelleiro responsable da área de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, a dirección de obra –a cargo do estudo Naos Arquitectura- e representantes da empresa construtora –Desarrolla Obras y Servicios- asinaron hoxe a acta de replanteo do proxecto de construción do centro comunitario “Costa da Morte”. Este acto -que se desenvolveu no Campo da Insua, xusto no lugar no que se levantará o novo edificio- é o trámite previo ao inminente inicio das obras, que teñen un prazo de execución estimado inicialmente en once meses.

O centro comunitario “Costa da Morte” será unha instalación de referencia en Caión e reforzará a cobertura en infraestruturas públicas da vila, abrindo novas posibilidades para ofrecer novos servizos, programas e iniciativas de interese xeral. O deseño do singular edificio está vinculado á historia de Caión ao presentar unha forma exterior curva que recorda ao lombo das baleas, especie que se cazou no porto durante os séculos XVI e XVII.

O inmoble será plenamente multidisciplinar ao contar con oficinas administrativas, aulas polivalentes e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados.

O proxecto presenta unha clara vocación integradora, xa que o centro comunitario “Costa da Morte” albergará as novas dependencias da Confraría de Pescadores de Caión e o punto de información turística municipal. Ademais, contará con aulas temáticas e exposicións permanentes centradas na historia da pesca de Caión. Tamén se apostará polas novas tecnoloxías ofrecendo servizos de interese á cidadanía e aos turísticas empregando equipamentos dixitais. A dispoñibilidade de aulas polivalentes permitirá levar a cabo en Caión eventos e iniciativas relacionadas coa formación, a educación medioambiental e a cultura mariñeira e pesqueira, entre outras temáticas, que na actualidade non é posible realizar por carencia de espazos públicos das características necesarias.

O Concello da Laracha conta coa colaboración económica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para o financiamento desta actuación, valorada en case 1,2 millóns de euros.