Concello
O Concello desenvolve a fase inicial de dous proxectos previstos no plan de equipamentos do instituto
01/03/2019
O Concello da Laracha está a desenvolver simultaneamente a fase inicial da execución de dous proxectos previstos do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís, consistentes na apertura dunha nova estrada e a creación dunha pista polideportiva.
A nova estrada discorrerá pola parte posterior do instituto e enlazará a Avenida Manuel Fraga Iribarne coa 1ª Travesía Doutor López Astray, creándose por tanto unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) e mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos deban acceder polo centro do casco urbano da Laracha.
O proxecto que está en fase de execución consiste na escavación do terreo para a creación da caixa de ensanche da plataforma da calzada, o afirmado parcial da mesma e tamén a canalización da rede de recollida de augas pluviais. Está valorado en 50.000 euros.
Por outra parte, e neste mesmo ámbito de actuación pola parte posterior do IES Agra de Leborís, comezaron os traballos referidos ao movemento de terras e adecuación do terreo sobre o que se construirá unha pista polideportiva de uso libre. O equipamento contará coas medidas regulamentarias e promoverá os estilos de vida saudables ao ofrecer á cidadanía, especialmente á mocidade, novas posibilidades para a práctica da actividade deportiva.
Para poder levar a cabo ambas actuacións o Concello da Laracha investiu máis de 57.000 euros na adquisición dos terreos afectados, que suman unha superficie de 9.500 metros cadrados.