• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Bo ritmo de actuación na construción do viveiro de empresas municipal

01/03/2019

A execución do viveiro de empresas municipal do Concello da Laracha que se está a crear no ámbito do polígono industrial avanza a bo ritmo de actuación. O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Rocío López reuníronse co responsable da empresa construtora no lugar no que se están a acometer os traballos e puideron comprobar que a fase de cimentación está moi avanzada.

O novo edificio está a ser construído nun ámbito privilexiado como é a marxe esquerda do acceso principal ao parque empresarial, nunha parcela de titularidade municipal. A súa superficie construída ascenderá a 613,55 metros cadrados, nos que serán habilitados catro despachos e catro naves, ademais de servizos xerais como un vestíbulo recepción, aseos, vestiarios, sala de reunións, aula polivalente e dous patios interiores abertos. O inmoble estará estruturado en dúas zonas e cada unha delas poderá empregarse de xeito independente.

O proxecto de construción do viveiro de empresas está valorado en 395.000 euros e é cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

O viveiro de empresas do Concello da Laracha conformará un espazo físico construído para favorecer o nacemento de novas sociedades de carácter industrial, ofrecéndolles aos emprendedores as condicións e servizos precisos, por un tempo limitado, para a implantación inicial e a consolidación. Deste xeito o Concello apoiará as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.

Con esta nova infraestrutura o Concello da Laracha pretende dar aos emprendedores o impulso definitivo para que se decidan a levar a cabo os seus proxectos, permitíndolles dispoñer dun espazo empresarial integrado no ámbito dun dos polígonos industriais con maior potencial de desenvolvemento no norte de Galicia.