• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O concurso de disfraces de Entroido trasládase ao pavillón do IES Agra de Leborís

04/03/2019

Mañá é Martes de Entroido, festivo local no Concello da Laracha e data central do programa municipal de actividades que se está a desenvolver desde o domingo.

Ante a previsión de que as condicións climatolóxicas desfavorables dificultasen o desenvolvemento da verbena e do concurso de disfraces ao aire libre na Praza do Concello –lugar no que estaba previsto inicialmente-, o Concello da Laracha decidiu trasladar o evento ao pavillón do IES Agra de Leborís.

Así, ás 17:00 horas principiará a verbena amenizada pola Orquesta Trébol. No descanso, a partir das 18:30 horas, celebrarase o concurso de disfraces, certame dirixido a todos os públicos no que se repartirán en torno a 3.000 euros en premios nas seguintes categorías. 

 

  • Individual infantil (ata 12 anos).
  • Individual adulto (a partir de 13 anos).
  • Parellas infantil (ata 12 anos).
  • Parellas adulto (a partir de13 anos).
  • Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
  • Comparsas (máis de oito compoñentes)

 

En todas as categorías haberá tres premios. Nas individuais a contía será de 60, 50 e 40 euros. Nas parellas, 70, 60 e 50 euros. Os grupos optarán a 250, 200 e 150 euros. E as comparsas mellora valoradas polo xurado levarán premios económicos de 600, 500 e 400 euros, ademais de accésits de 100 euros (máximo de dez) ao resto das comparsas participantes.

As persoas, parellas, grupos e comparsas que desexen participar no Concurso de Disfraces do Martes de Entroido e que aínda non estean anotadas, terán a última oportunidade de inscribirse acudindo mañá martes á Casa do Concello entre as 16:00 e as 17:00 horas.