• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato de construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión

21/02/2019

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a secretaria municipal e o representante da empresa Desarrolla Obras y Servicios formalizaron o contrato de execución do centro comunitario “Costa da Morte” que se vai crear no Campo da Insua de Caión. Nos próximos días realizarase a acta de comprobación do replanteo como paso previo ao inminente inicio das obras previstas.

O centro comunitario “Costa da Morte” dará resposta a unha demanda histórica de Caión xa que suporá que a vila dispoña dunha infraestrutura multidisciplinar da que carece na actualidade.

Será un edificio singular e pensado especificamente para Caión ao presentar unha forma exterior curva que recorda ao lombo das baleas en alusión á historia da caza dese especie na vila durante os séculos XVI e XVII. O inmoble contará con oficinas administrativas, aulas polivalentes e espazos de exposicións. A súa superficie total, incluíndo zonas comúns, aseos e almacéns, alcanza os 882,60 metros cadrados divididos en dúas plantas.

O proxecto, valorado en 1.190.920,37 euros,  presenta unha clara vocación integradora xa que o novo edificio albergará as novas dependencias da Confraría de Pescadores de Caión e o punto de información turística municipal. Ademais, disporá de aulas temáticas, exposicións permanentes e salas polivalentes equipadas para albergar diversidade de iniciativas de interese xeral relacionadas coa cultura, a formación, a educación e, sobre todo, o respecto ao medio ambiente e o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as áreas costeiras.

O centro comunitario “Costa da Morte” farase realidade despois dun longo e laborioso traballo previo impulsado polo grupo de goberno municipal que se remonta ao ano 2017, cando o Concello da Laracha e a Confraría de Pescadores de Caión, como propietarios de dous solares lindeiros no Campo da Insua, alcanzaron un acordo para unificalos precisamente co obxectivo de crear un único edificio amplo, funcional e integrador que dese resposta ás necesidades das dúas partes. Para iso foi preciso promover a modificación puntual número 6 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobada con carácter inicial polo Pleno o 31 de agosto de 2017 –cos únicos votos a favor do grupo de goberno- e elevada a provisional na sesión do 24 de abril de 2018 –coas únicas abstencións dos edís do grupo municipal do BNG-.

O Concello da Laracha encargou ao estudo de arquitectura Naos a redacción do proxecto singular e en setembro de 2018 sacouse a licitación, que foi anulada o 5 de novembro por detectarse un erro no estudo xeotécnico. Unha vez corrixido e axustado o orzamento, iniciouse a nova licitación o 21 de novembro. Tal e como foi anunciado publicamente polo Concello da Laracha e reflectido tanto nos medios de comunicación como na web e nas redes sociais municipais, presentáronse oito empresas e o contrato foi adxudicado a Desarrolla Obras y Servicios o 10 de xaneiro de 2019. Dito contrato acaba de ser formalizado e as obras comezarán nos próximos días. Toda a tramitación tamén está dispoñible na Plataforma de Contratación del Estado.

Para o cofinanciamento da actuación o Concello da Laracha rubricou un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do cal o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegaría 200.000 euros. Ademais, o Concello da Laracha presentou o proxecto ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte ao abeiro do programa axudas para estratexias de desenvolvemento local participativas, que está pendente de resolución. En todo caso, nos orzamentos xerais municipais do ano en curso hai consignada unha partida de máis de un millón de euros (1.131.229 euros) para a execución da obra.

Ante as erróneas informacións do grupo municipal do BNG que foron publicadas hoxe nos medios de comunicación, o Concello da Laracha quere aclarar que a tramitación administrativa do procedemento de contratación do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión seguiu os procedementos normais e habituais nunha licitación destas características e o proxecto será unha realidade nos próximos meses. 

O Concello da Laracha resérvase o dereito a exercer as accións legais que estime oportunas contra o concelleiro do grupo do BNG Xoán Manoel Sande Muñiz tras comprobarse que distribuíu nos medios de comunicación a acta dunha Xunta de Goberno Local, documento que, ademais de ter carácter privado e estar a disposición dos edís exclusivamente para o desenvolvemento do seus labores como concelleiros, contén datos persoais de veciños do Concello da Laracha alleos á actividade municipal, incumprindo por tanto a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal.