• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de urbanización parcial do Campo da Insua de Caión

18/02/2019

Xa están en marcha as obras previstas no proxecto de urbanización parcial do Campo da Insua de Caión. O alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable das áreas de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, reuníronse hoxe no propio lugar das actuacións cos operarios da empresa construtora BCNOR para interesarse polo desenvolvemento dos primeiros traballos.

O proxecto consiste na apertura dunha nova vía que enlazará a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez, polo que suporá unha mellora substancial nas comunicacións peonís e rodadas nesta zona residencial situada a carón do paseo marítimo, moi preto tamén do colexio de Caión, do cemiterio vello, do consultorio médico e do futuro Centro Comunitario “Costa da Morte” que se levantará neste lugar.

O ámbito de actuación da área a urbanizar alcanza os dous mil metros cadrados de superficie, sobre os que se construirá unha nova rúa con zonas de aparcamento, beirarrúas e espazos axardinados. Inclúense, tamén, a creación das novas redes de abastecemento de auga e de saneamento, a rede de recollida de augas pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos eléctricos, telecomunicacións e iluminación pública.

A actuación é promovida polo Concello da Laracha. Ten un orzamento de 258.000 e financiarase integramente con fondos municipais.