Concello
O obradoiro de emprego comeza a intervención no pavillón polideportivo de Caión
19/02/2019
Os dez alumnos-traballadores da especialidade de pintura industrial en construción do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V comezaron a executar as actuacións previstas no pavillón polideportivo municipal de Xermaña, na parroquia de Caión.
Os labores que están a realizar consisten no completo pintado do interior da instalación, incluíndo a cuberta, a parte máis laboriosa xa que require do lixado previo para que o posterior pintado se faga sobre unha superficie axeitada e, deste xeito, garantir a calidade e durabilidade das actuacións que se están a levar a cabo.
Previamente este módulo do obradoiro de emprego xa traballara no centro sociocultural da parroquia de Lendo e no edificio de servizos múltiples da Laracha. Os outros puntos de actuación no Concello da Laracha serán os campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco, as pistas de pádel, o pavillón polideportivo Municipal da Laracha, os centros socioculturais da Insua (Caión), As Rañeiras (Lestón) e A Areosa (Vilaño) e o pavimento da pista polideportiva descuberta de uso libre de Cabovilaño.
O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V está en marcha desde principios de decembro e terá unha duración total de nove meses. O outro módulo do que consta é o de traballos de carpintería e moble, no que hai outros dez alumnos-traballadores e que estará centrado no acondicionamento do espazo recreativo de sensibilización ambiental do entorno do Muíño da Cachada do municipio de Arteixo. O equipo directivo, docente e administrativo do obradoiro está formado por un grupo de seis persoas: director, auxiliar administrativo e mestres de cada especialidade, de xestión empresarial e de ensino básico.
O orzamento total do obradoiro supera os 463.000 euros, dos cales preto de 289.000 euros son achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e a cifra restante, polos Concellos da Laracha e de Arteixo. O tres obxectivos esenciais desta iniciativa son mellorar a empregabilidade das vinte persoas participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal. O programa contempla incentivos económicos para a contratación dos alumnos-traballadores por parte das empresas unha vez remate o seu período formativo coa finalidade de favorecer a integración dos participantes no mercado laboral xa no sector privado.