• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza unha excursión Ávila e Segovia para persoas maiores, xubiladas e pensionistas

16/02/2019

O Concello da Laracha organiza a excursión a Ávila e Segovia que se vai realizar do 1 ao 5 de abril e que vai dirixida aos veciños do municipio maiores de sesenta anos de idade, xubilados e pensionistas.

O programa previsto consiste nunha viaxe en autobús que partirá desde A Laracha o 1 de abril pola mañá. O primeiro punto de destino será Segovia, onde se realizará unha visita guiada pola cidade. No día seguinte visitarán Ávila, onde asistirán a unha festa de baile e animación. Na terceira xornada coñecerán as localidades de Pedraza, Sepúlveda e o Palacio da Granja de San Ildefonso. O 4 de abril visitarán o Alcázar de Segovia e o Palacio Real de Riofrío. O último día, antes de emprender o camiño de regreso, realizarase unha saída cultural á Fábrica de Cristales de La Granja.

Na última Xunta de Goberno Local quedou fixado en 245 euros o prezo por persoa en habitación dobre –suplemento de 60 euros para os que desexen unha habituación individual-, que inclúe o aloxamento en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas,entrada aos monumentos previstos no itinerario e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custe do transporte en autobús.

As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no novo edificio administrativo da Laracha. O prazo será do mércores ao venres da próxima semana (20 a 22 de febreiro).

Hai cincuenta prazas dispoñibles. No caso de que o número de persoas interesadas en participar sexa superior ás prazas ofertadas, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día  25 de febreiro ás 11:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.