• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

ELECTRODOMÉSTICOS ERVE, PRIMEIRO PREMIO DO 20º CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL

29/12/2015

O xurado da 20ª edición do concurso de escaparates de Nadal –composto por representantes municipais e Concha Iglesias, a presidenta da Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL)- que cada ano convoca o Concello da Laracha reuniuse na tarde do 28 de decembro para visitar e valorar os locais participantes no certame, situados todos eles nas vilas da Laracha e de Paiosaco.   

Electrodomésticos Erve, establecemento situado na rúa Coruña da capital municipal, foi o gañador do primeiro premio, dotado con 250 euros. O xurado tivo en conta que todos os elementos que formaba a coidada e creativa composición do escaparate foron elaborados a man e resaltaban os produtos que están á venda no local, neste caso electrodomésticos.

Dáse a circunstancia de que Electrodomésticos Erve repite por segundo ano consecutivo no primeiro posto deste concurso.   

O Concello da Laracha reparte en total 750 euros en premios no certame, cuxos obxectivos son o apoio ao comercio local e fomentar a realización de composicións orixinais e chamativas nos seus escaparates, potenciando ademais que os establecementos das rúas do municipio presenten nestas festas unha imaxe característica do Nadal que se combine coa decoración e a iluminación instalada polo propio Concello.   

A relación completa de galardoados é a seguinte:   

1º premio (250 euros): Electrodomésticos Erve (Rúa Coruña, 2. A Laracha). 

2º premio (200 euros): Lazo de tul (Rúa Santa Lucía, 11. A Laracha). 

3º premio (150 euros): Canela & Pimienta (Rúa José Manuel Ferreiro Penedo, 2. A Laracha). 

4º premio (100 euros): Panadería Ramiro (Rúa Epifanio Campo Núñez, s/n. A Laracha). 

5º premio (50 euros): Librería Pondal (Avenida Fisterra, 44. A Laracha).

Compartir: