Concello
O Concello solicitará acollerse á bonificación do 10% no canon unitario do tratamento de residuos en Sogama
15/02/2019
A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) anunciou a finais de xaneiro unha iniciativa dirixida a establecer bonificacións do dez por cento no canon unitario do tratamento de residuos urbanos para aqueles municipios que impulsasen medidas para mellorar a recollida selectiva, fomentar a reciclaxe e reducir a produción de lixo convencional.
O Concello da Laracha solicitará beneficiarse desta bonificación apoiándose en dúas iniciativas que se levarán a cabo nos próximos meses e que estarán contempladas nos pregos que rexerán o procedemento de contratación da nova xestión deste servizo municipal. Deste xeito darase un paso máis no compromiso de respectar ao medio ambiente e na concienciación municipal con respecto á importancia de actuar para reducir o volume de residuos que se xeran na actualidade.
En ambos casos trátase de accións encamiñadas a facilitar á poboación a separación dos residuos para optimizar a recollida selectiva. Así, reforzarase a cobertura do contedor amarelo (plásticos e envases) levándoo a máis núcleos rurais das parroquias nunha nova fase do plan municipal que xa está supoñendo notables reducións no volume de lixo que se deposita nos colectores xenéricos.
A outra medida será a implantación dun novo colector, o marrón de orgánicos, que será o quinto que estará dispoñible no termo municipal e no que deberán depositarse exclusivamente restos vexetais e de alimentos, así como calquera produto composto na súa totalidade por materia orgánica. O Concello da Laracha xa dispón dos recipientes necesarios para o desenvolvemento da primeira fase da súa implantación, que se centrará nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
O Concello da Laracha destinou no ano pasado unha partida de 300.000 euros para o pagamento a Sogama do tratamento dos residuos sólidos urbanos recollidos, polo que a bonificación do dez por cento suporía un aforro para as arcas municipais duns 30.000 euros.
A cooperación cidadá e a implicación da veciñanza será fundamental para cumprir cos propósitos desta iniciativa. Por iso o Concello da Laracha e Sogama realizarán campañas de información e sensibilización sobre os beneficios medioambientais que implica o novo sistema de recollida dos residuos orgánicos e o correcta separación do lixo para o seu posterior tratamento en plantas especializadas.