• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Mesa de Contratación clasificará o luns as ofertas presentadas para executar dous proxectos de mellora da rede viaria

09/02/2019

O Concello da Laracha está a finalizar o procedemento de contratación de dous proxectos dirixidos a mellorar a rede viaria en catro localizacións das parroquias de Caión, Torás, Lendo e Cabovilaño.

A obra da vila costeira terá dous puntos de actuación. Na Avenida Méndez Núñez –que comunica o porto coa zona da Insua- realizarase o fresado e a nova pavimentación para mellorar a superficie de rodadura. Tamén se contempla o repintado das marcas viarias e dos aparcamentos públicos e gratuítos. Ademais, realizaranse melloras na rede de recollida de pluviais fronte ás casetas dos mariñeiros. O outro lugar que se mellorará será o acceso ao paseo marítimo desde o punto de confluencia da rúa do Carme coa rúa Campo da Insua. A rampla existente na actualidade será redeseñada para, na medida das posibilidades, reducir a súa pendente, embelecela cun pavimento de adoquín e colocar unha nova barandilla de seguridade.

A outra obra prevista tamén terá dous puntos de actuación que afectan a tres parroquias. No casco urbano da capital municipal (parroquia de Torás) renovarase o pavimento da rúa Manuel Murguía nunha superficie total duns tres mil metros cadrados, incluíndo tanto o espazo de circulación dos vehículos como as zonas de aparcamento. Contémplanse melloras na rede de recollida de augas pluviais e na sinalización horizontal e vertical.

Ademais, tamén será renovado o pavimento na estrada municipal que comunica A Xesteira (Lendo) con O Castro de Abaixo (Cabovilaño), que presenta unha lonxitude lineal de 380 metros.

Ambos proxectos están valorados nun total de 125.000 euros e son catorce as empresas que concorren á licitación. A Mesa de Contratación clasificará este luns as propostas presentadas como paso previo á súa adxudicación.