• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta á Xunta un proxecto para dotar dun novo sistema de seguridade ao parque empresarial

09/02/2019

O parque empresarial da Laracha é unha das áreas industriais con maior potencial de desenvolvemento no norte da provincia da Coruña polo seu estratéxico emprazamento, características do terreo e a cobertura en servizos que oferta ás sociedades que se implanten nese ámbito. A súa ocupación xa se sitúa en torno ao setenta por cento da superficie.

O Concello da Laracha realizou nos últimos anos unha serie de actuacións dirixidas a mellorar as infraestruturas viarias no parque empresarial e tamén está a construír actualmente o viveiro de empresas municipal.

Agora o Concello da Laracha promove un novo proxecto, neste caso dirixido a instalar un sistemas de seguridade con conexión á central perceptora de alarmas e con cámaras de vídeo vixilancia con gravación permanente. A actuación centraríase nesta primeira fase nas zonas que presentan un maior nivel de ocupación e tamén nos puntos de acceso e saída ao parque empresarial.

Ditos sistemas de seguridade estarían ao servizo da Policía Local da Laracha e cumpren estritamente co estipulado na Lei Orgánica 4/1997, de 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade do estado.

O proxecto deseñado polo Concello da Laracha está valorado en 120.000 euros e foi presentado á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro do programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos.