• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Xunta de Goberno aproba o inicio do expediente de contratación do novo contrato do servizo de axuda no fogar

01/02/2019

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse iniciar a novo expediente de contratación do servizo de axuda no fogar (SAF), tanto en réxime de dependencia como de libre concorrencia. Nos próximos días os pregos que rexerán o procedemento serán publicados nos boletíns oficiais e tamén no perfil do contratante, abríndose nese momento o prazo para que as empresas licitadoras poidan presentar as súas propostas.

O novo contrato do SAF terá unha duración de dous anos máis outros dous prorrogables. En cada exercicio o Concello da Laracha achegará 811.417,80 euros para o financiamento deste servizo.

O SAF é un programa de xestión municipal fundamental de apoio ás persoas con mobilidade reducida. Consiste na prestación dun conxunto de atencións no seu propio domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que os usuarios teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar. Trátase dun servizo de carácter complementario e transitorio, que non desvincula ás familias das súas responsabilidades, e cuxas finalidades esenciais son mellorar a calidade de vida das persoas posibilitando a permanencia no seu entorno de convivencia habitual e potenciando a autonomía persoal no domicilio.

Ademais, na sesión da Xunta de Goberno acordouse presentar propostas á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña para acollerse a programas de contratación de persoal para prestar servizos de interese xeral.

Por unha banda, o Concello da Laracha mostra o seu interese por beneficiarse do programa APROL Rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A proposta consiste na contratación de catro peóns a xornada completa e durante un período de nove meses para formar as cuadrillas medioambientais municipais encargadas do servizo de mantemento e valorización de zonas verdes públicas.

Por outra parte, preséntanse dúas propostas á Deputación da Coruña para o cooperar no cofinanciamento dos gastos derivados da contratación dun técnico de deportes e outro especializado en turismo.